Friday 29 de March de 2024

A Xunta aumenta en máis dun 12% o seu investimento nas contratacións artística da Rede Galega de Teatros e Auditorios


— A carteleira do primeiro semestre ofrecerá 329 funcións escénicas e musicais de 128 formacións, cun orzamento de 1,13M€ cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as entidades locais xestoras dos 40 espazos asociados

— Increméntanse substancialmente as achegas do Goberno galego ás programacións dos auditorios municipais de Vigo e Lugo, o Teatro Rosalía Castro da Coruña ou o Teatro Principal de Ourense, entre outros escenarios

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ten xa preparada a ampla carteleira que despregará durante o primeiro semestre de 2022 en 40 dos seus espazos asociados, achegándolle ao público unha variada oferta cultural con 329 funcións escénicas e concertos de 128 formacións, galegas na súa meirande parte. A Xunta de Galicia destina 574.000 euros, un 12,5% máis que en 2021, a este primeiro período da programación anual, que se financia ao 50% coas entidades locais xestoras dos escenarios, de xeito que o investimento conxunto en contratacións artísticas ata finais de xuño superará os 1,13 millóns de euros.

Ademais, este veterano programa da Xunta está a reforzar durante a pandemia o seu papel como unha das principais vías para a distribución dos espectáculos producidos profesionalmente en Galicia. De feito e pese aos peches e ás restricións sanitarias vividas durante este ano, a Rede Galega de Teatros e Auditorios rematará 2021 con máis de 500 actuacións ofrecidas por 163 formacións.

A súa nova programación semestral arrancará o vindeiro 13 de xaneiro coa representación no Auditorio da Casa da Cultura de Cee de Cigarreiras, espectáculo da compañía Contraproducións baseado en La tribuna, de Emilia Pardo Bazán. Con sete funcións, a montaxe dirixida por Cándido Pazó é, ademais, unha das máis contratadas ao abeiro nova temporada da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Máis de 150 espectáculos
Nela sobresaen, así mesmo, os espectáculos As que limpan, que A Panadaría estreará en febreiro e que acadou 15 representacións neste circuíto; Smoke on the Water, de Ibuprofeno Teatro, con 12, ; A lúa vai encuberta, de Incendiaria en coprodución do Centro Dramático Galego, tamén con 12; Libre coma os paxaros, de Teatro do Atlántico, con nove; Quixote, de Pedras de Cartón, e Morte accidental dun anarquista, de Talía Teatro, ambas con oito; e O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas, con sete. En total, entre xaneiro e xuño exhibiranse 159 diferentes propostas de teatro, danza, maxia, música e novo circo tanto para público adulto como familiar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade confirmoulles tamén aos espazos programadores cales serán as contías concretas que a Xunta lles facilitará en 2022 para contribuír ao desenvolvemento da súa respectiva actividade como parte da Rede ao longo de todo o ano. Nestes cómputos, experimentan un incremento substancial as achegas do Goberno galego aos auditorios municipais de Vigo (55.885 euros, preto dun 40% máis que en 2021) e Lugo (28.611 euros, cun aumento superior ao 50%), Teatro Rosalía Castro da Coruña (50.000 euros, un 18% máis que en 2021) ou Teatro Principal de Ourense (32.500 euros, un 22% máis), entre outras.

O calendario de funcións ao abeiro deste circuíto pode consultarse nas axendas das web de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).